De seguro que moitos socios non saben a historia do escudo da nosa Sociedade, a torre que nos identifica e que chegouse a converter nun símbolo de Mourente
e nun distintivo polo que se recoñecen as actividades da Cultural. Por iso decidimos
facer este comentario, para dar a coñecer a localización desta torre e o grande sentido
histórico que detrás dela ten para Mourente.
Este símbolo non foi adoptado pola S.C.D. Mourente por antoxo nin foi inventado pola nosa entidade,
nin tampouco se puxo (como alguén dixo con moita risa) porque fora daquela o señor
"De la Torre" o Presidente. Precisamente xa desde os primeiros tempos da fundación
da Cultural, andivose á procura dun símbolo que distinguira á nosa asociación e que
fora, ó tempo, unha figura da historia de Mourente. En xestións feitas polo daquela
vicepresidente Sr. Martinez Vázquez no Museo de Pontevedra diante do Sr. García
Alén (bo coñecedor da historia da nosa parroquia) conqueriuse unha copia do selo
oficial do Axuntamento Constitucional de Mourente, que estivo en vixencia desde 1841
ata 1869 e que tiña unha torre como escudo distintivo . Desde aquela, esta torre pasou
a ser tamén o selo oficial da Sociedade.
Mais, aínda así, ¿qué torre é esa?, ¿estaba ou esta en Mourente?, ¿por que unha
torre?. Despóis de non poucas pescudas e investigacións puidemos dar coa resposta:
esta torre é a chamada Torre de Tristán, noutrora situada en Castroverde, preto xa de
Carabelos, e da cal aínda ficaban algúns muros en pé no século pasado. Esta torre pertencía
á familia dos Montenegro, de grande poderío na parroquia e en Pontevedra, e que tiñan señorío e pazo no lugar de Cons.
Hoxe xa pouco queda de todo aquilo en Castroverde, da torre so fican unhas
moreas de pedras nun piñeiral que está a beira do Cruceiro do Castro e na memoria
dos veciños as lembranzas bretemosas do que foi. Pero a torre segue a ser un símbolo
de unidade para a xente de Mourente. Por iso foi tomada como escudo polo Concello
Constitucional de Mourente no século XIX e moito despois pola nosa Sociedade. Porque
significa a irmandade de tódolos veciños nunha tarefa Comun.