O fútbol tivo sempre moita tradición en Mourente. Desde moi cedo foron saíndo xogadores e equipos na nosa parroquia; lembramos agora a aqueles sonados "Canarios" e do Atlético Mourente, hoxe por desgracia desaparecidos. E tamén lembramos aqueles partidos xogados en Montecelo, a falta doutro campo mellor.
Hai algúns anos falar de fútbol en Mourente era falar da Sociedade, por que só os seus equipos representaban a parroquia nas competicións oficiais. Tamén era falar dun home, "Piño", que aturou sobre sí o peso do mantemento dunha canteira de rapaces, moitas veces sen axuda e cun agarimo o deporte merecente da meirande gabanza.
Nembargantes, hoxe en día só quedan dous equipos que representan á Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente. Dous equipos ós que os separan moitos anos. O equipo de Fútbol Sala Pre-Benxamín (formado por rapaces entre 5 e 8 anos) e o equipo de Fútbol de Veteranos (composto por homes maiores de 30 anos).
Coa construción da pista polideportiva no verán de 1982. Unha chea de posibilidades abríronse na utilización destas instálácions deportivas, unha destas posibilidades era a práctica de novos deportes e deste xeito, en setembro dese ano formouse o equipo de balonmán por iniciativa do directivo Raimundo Argibay Iglesias que fixo a presentación diante dos socios nos actos de inauguración da devandita pista o 12 de outubro dese mesmo ano cun partido xogado contra a S.D. Teucro de Pontevedra.