GRUPO DE TEATRO XENIO

 

OS COMENZOS

            Corría o ano 1975 cando Manuel Solla Tomé, directivo da Sociedade Cultural de Mourente, reúne a un grupo de mozos e mozas da parroquia. Estes estiveran participando nos festivais que os catequistas facían para recadar fondos cos que mercarlle xoguetes ós nenos. Con eles se prepara unha obra “para adultos”, cómica  e castiza. Móntase así “Pepa la Trueno”.

            Ó ano seguinte Manuel Solla volve a facer o chamamento á mocidade. Polas ocupacións, poucos repiten, pero outros varios se apuntan. Desta vez o proxecto é montar un grupo estable, que faga unha montaxe por ano, coa estrea no Nadal. É o nacemento de “Xenio”.  O grupo quere facer teatro en galego e Manuel Solla amosa o seu tesouro: un exemplar de “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao, estreada en Bos Aires en 1941. A sala está atestada de xente. Posteriormente a peza será representada noutros centros culturais (teleclubs) da provincia e en 1984 será reposta con ocasión do 25 aniversario da Sociedade Cultural Deportiva de Mourente.

            Tralo éxito da obra de Castelao, o grupo volve á comedia en castelán. Escóllese “Anacleto se divorcia”, comedia de situación de Pedro Muñoz Seca estreada en 1932 e na que se criticaba a lei de divorcio aprobada pola República española. Soamente se fixo unha única representación.

 

A CONSOLIDACIÓN

            En 1978 o grupo ten claro o seu modelo: quere facer treatro galego de temática social, tráxico ou cómico. Atopa así nas obras de Manuel Varela Buxán, que acababan de saír do prelo, un filón importante do que beber para as súas creacions. A primeira foi “Se o sei... non volvo á casa”, a peza máis acabada do autor, co problema ineludible da emigración. A peza é representada por toda a provincia con gran éxito. Posteriormente se volverá a repoñer en 1984.

            O grupo está plenamente identificado con Varela Buxán. Trala acollida do público, axiña se prepara a segunda peza, “Taberna sen dono”, unha obra costumista que evoca a vida nas aldeas galegas.

 

O DESCUBRIMENTO DOS DEVANCEIROS

            En 1980 os membros do grupo teñen coñecemento, con estupor e admiración, da tradición teatral de Mourente anterior á guerra civil, materializada na estrea en xullo de 1936 da peza en verso “O fidalgo” de Xesús San Luís Romero, e que despois foi duramente perseguida. Con algún libro que aínda se conservaba e en homenaxe a aqueles mozos e mozas. Xenio repón esta peza emblemática dos anos 20 en toda Galicia, nunha montaxe que foi a máis complexa das realizadas polo grupo.

 

A RELACIÓN CON VARELA BUXÁN (1)

Nesta época o grupo descobre que Varela Buxán reside na parroquia de Cercio (Lalín) e visítao na súa casa. Comeza así unha sentida e estreita relación con este autor estradense -que perdurará deica o seu pasamento en 1986 - na que Varela Buxán virá a Mourente a presentar as estreas das súas obras e Xenio irá a Cercio e Lalín a levarlle as montaxes ós seus paisanos. O grupo estrea en 1982 “O ferreiro de Santán” e con esta montaxe, que recibe unha entusiasta acollida do público, percorre toda a provincia.

 

A RELACIÓN CON VARELA BUXÁN (2)

O estreito contacto con Manuel Varela Buxán favorece a montaxe das súas obras. En 1983 Xenio prepara “A xustiza dun muiñeiro” e repón “Taberna sen dono” en 1981 e “Se o sei... non volvo á casa” en 1984, que representa no Teatro Sao Luíz de Lisboa, invitado polo Centro Galego da capital portuguesa. En 1986, ano da morte do escritor, o grupo prepara a última das súas obras: “O cego de Fornelos”.

 

A RENOVACIÓN

            Neste tempo, o grupo experimenta unha fonda renovación: deixa o colectivo a xeración que o fundara e consolidara, dando paso a outros mozos e mozas con novas ideas e folgos. Estes novos aires axiña se aprecian nas montaxes. A primeira é “A barca sen pescador”, de Alejandro Casona, adoptando os xeitos do teatro español de posguerra. Unha vez aceptadas as formas do teatro moderno, Xenio asume con el o compromiso social. Prepara así a “Crónica dun covarde”; obra de Víctor Andrés Catena que defende conceptos pacifistas e antimilitaristas.

 

A VOLTA Á COMEDIA

            Ó comenzar a década dos 90, o grupo volve á comedia sen abandonar a mensaxe social. En 1992 prepara a montaxe de “O que vale unha nai”, versión libre da peza “La mamma” de André Roussin sobre as relacións de familia. Tamén en clave de comedia, Xenio presenta en 1993 “Tres veces á semana e unha ventana”, baseada na peza de Jaime de Armiñán “Una vez a la semana”. Ó ano seguinte prepara “Xaque á raíña”, versión libre da obra “Apertura orangután” de Fernando Arrabal.

            En 1995 Xenio fai unha nova incursión no teatro de compromiso social e fondo filosófico coa preparación de “Xogos de inverno” de Jaime Salóm, que transcorre nun asilo de vellos.

 

OS ULTIMOS TEMPOS

            Nos últimos anos o grupo vense mantendo nunha decidida aposta pola comedia nas súas diversas formas. O mundo da parella é explorado desde plantexamentos dos anos 60 en “A parella” de Jaime de Armiñán (1997), desde a visión da intelectualidade dos anos 80 en “Pares e Niñes” de J.L. Alonso de Santos (1996) ou desde a visión persoal dun iconoclasta novaiorquino en “Aspirina para dous” de Woddy Allen (2000). As formas da comedia con fonda crítica social tamén están presentes en “As últimas vontades” (2001).

“Un fin de semana na cidade”  comedia americana (2004)

“Non hai ladrón que por ben non veña” (2006) unha graciosa comedia de enredos do Premio Nobel italiano Dario Fó que se estreou no Teatro Principal de Pontevedra na XIII Mostra de Teatro Afeccionado  e mais tarde na S.C.D. Mourente con motivo do ciclo teatral co que se celebrou o 30 aniversario do propio grupo de teatro Xenio.

 

PREMIOS

Coa obra “Non hai ladrón que por ben non veña” dirixida brillantemente por Manuel Solla Barragáns, Xenio acadou dous primeiros premios no certame de teatro afeccionado da localidade villanovesa de Baión: o premio á Mellor Obra de Teatro e o premio ó Mellor Actor Secundario para Alberto Montes Pazó no papel de Antonio.

 

AS MONTAXES INFANTÍS

            Durante os primeiros anos da súa existencia (e quizais polo compromiso adquirido cos nenos desde o nacemento do grupo), Xenio preparou cando menos un espectáculo para nenos ó ano, xeralmente estreado o 6 de xaneiro. Estas montaxes servían, ademais. Como prácticas de aprendizaxe ós novos rapaces que se ían incorporando ó grupo. As máis coñecidas do teatro infantil galego foron preparadas para eles.

 

Empresas Colaboradoras

http://www.pinturasalborada.com
http://www.grupoleiro.com
http://www.abreuehijos.citroen.es/
http://www.pontedeocio.com
http://www.ofertaydemanda.net